Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Preséntase o Informe 2006 do Movemento polos Dereitos Civís

Written By Virgulino on 14/6/07 | 16:03


Interviron os avogados Xosé María Fernández, Miguel Ángel Fernández e Alejandro Martín
Máis extenso que nunca, analiza a situación dos dereitos e liberdades en Galiza no ano pasado


Compostela, 14 de xuño de 2007.- O Movemento polos Dereitos Civís presentou hoxe en Compostela o Informe 2006, que pretende servir como radiografía do estado dos dereitos e liberdades en Galiza. Xosé María Fernández, membro do MpDC e avogado, afirmou no acto que abonda con ler o relatorio para “decatarse da importancia que ten nos nosos días a existencia de asociacións como o MpDC”, xa que os dereitos precisan dunha defensa activa e constante por parte da sociedade civil auto-organizada. Neste sentido, hai que destacar a publicación, ano tras ano, deste Informe anual como unha ferramenta útil para informar á sociedade, concienciala sobre os seus dereitos e avanzar na defensa dos mesmos.

Este ano o Informe é máis extenso e completo que nunca, acrecentando as colaboración e a variedade de temas a tratar. Hai colaboración moi diversas, desde o escritor Antón Dobao, que fixo a presentación este ano, o tamén escritor Rafa Villar, membros de ADEGA, Xosé Antón Brandariz, profesor de Dereito Penal na Coruña, Antolín Alcántara, membro da executiva da CIG, Braulio Amaro das Bases Democráticas Galegas, asociacións como Ceivar ou PRES.O.S. ou os propios Miguel Ángel Fernández e Alejandro Martín, que participaron da presentación.

Miguel Ángel Fernández quixo salientar, como novidades a respeito dos anos pasados, a publicación dos traballos premiados no Certame de Dereitos Civís, relativos aos dereitos dos galegofalantes fóra da Comunidade Autonóma e a deslocalización de datos no telemarketing.

Tamén mencionou Fernández os asuntos destacados no conxunto do Informe dos Dereitos Civís 2006: Dous son avanzos lexislativos en materia de dereitos civís que están a ser promovidos polo MpDC; dunha banda, a necesidade dunha Lei sobre o acceso á Información e as consideracións do MpDC ao respecto, e doutra, a promoción dun proxecto de lei para a creación da Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais (AGBPP). Os outros destacados son artigos de avaliación crítica arredor de dous asuntos que tiveron certa relevancia no ano 2006: a chamada “Operación Castiñeiras”, operativo xurídico-policial montado contra círculos independentistas galegos, e outro con reflexións en torno a unha problemática social, a do chamado “vandalismo”, asunto que desde o poder político en demasiadas ocasións se está a enfrontar cunha forte carga demagóxica.

Por último, Alejandro Martín explicou que se fai unha avaliación pormenorizada do estado dos dereitos fundamentais en Galiza, e neste sentido recollense reflexións sobre unha gran variedade de temas como o fraude de datos, as cargas policiais na Coruña, os dereitos dos estranxeiros, a igualdade ante a lei, o dereito á liberdade de expresión, o dereito á folga e á libre sindicación, o dereito á educación, á vivenda, etc...

Martín tamén incidiu en como se detalla no Informe de xeito crítico a actitude mantida por distintos organismos públicos - Delegación e Subdelegacións do Goberno, Administración de Xustiza e diferentes concellos, como os da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo ou Vigo- en relación a diversas actuacións levadas a cabo polo MpDC, así como por outras persoas e colectivos, o que demostra que a actividade do MpDC “molesta ás administracións, e moito”.

O Informe pódese adquirir a través da web do MpDC e nas vindeiras semanas será presentado en distintos pontos de Galiza.

0 comentarios:

Publicar un comentario