Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Santiago permite por primeira vez o acceso aos datos dos arquivos policiais e os dos sistema de videovixilancia

Written By Virgulino on 15/6/07 | 11:19


En dous casos distintos, obrigado pola Axencia de Protección de Datos


Por primeira vez en cinco anos, o Concello permite o acceso da cidadanía aos datos rexistrados na Policía Local e no sistema de videovixlancia. Despois dun lustro de demandas, a Axencia Española de Protección de Datos resolveu comninar á cámara compostelana a permitir o acceso da cidadanía a diversos datos, que até o de agora era denegado, e aínda en dous casos distintos.


O primeiro deles refírese á autorización concedida ao voceiro do MpDC para acceder aos datos relacionados coa súa persoa que se atopan en posesión da policía local. Segundo un escrito do Concello de Santiago, existían arquivos que xustificarían un interese espúreo do voceiro do MpDC para plantexar queixas contra o concello, o que foi utilizado hai anos para negarse a contestar ante outras institucións as reclamacións emitidas por este organismo. Mais en canto se solicitou o acceso a estes datos, foi sistematicamente denegado e mesmo se negou a súa existencia, despois de telo asinado nun documento oficial o propio alcalde, Sánchez Bugallo.


A segunda autorización é para acceder ás imaxes gravadas polo sistema de vídeo-vixilancia, que tamén foi concedida a unha cidadá. Hai que sinalar que esta persoa fora gravada por unha cámara destinada en teoría a supervisar as incidencias de tráfico, situada na Praza da Galiza, e que a raíz da denuncia este dispositivo foi substituida por unha de angular de 360ª, que non permite saber cara onde está enfocando en cada momento. Este dereito de acceso, recollido na lexislación sobre vídeo-vixilancia, tamén fora até o momento impedido. Agora, por primeira vez, a cidadanía comeza a ver cumprido o que é de mínimos, o respeito pola legalidade, que establece ben claro o dereito de acceso e rectificación ás imaxes gravadas en espazos públicos.


Desafortunadamente, hai que citar que esta mudanza na actitude desta administración local non se debe a unha rectificación demandada hai tempo, senón tan só á presión doutra institución como a Axencia de Protección de Datos, á súa vez informada polo Movemento. Esperamos que sirva como primeiro paso para que a cidadanía poida coñecer que datos –entre eles as imaxes- gardan as administracións sobre as persoas, e para que as institucións deixen de recollelos sen o seu consentemento.

0 comentarios:

Publicar un comentario