Levan na Estación de Autobuses desde agosto e o permiso é necesario de xeito previo
A Comisión de Garantías da Videovixilancia e a Delegación do Goberno en Galiza autorizaron as cámaras de videovixilancia instaladas na Estación de Autobuses da Coruña meses despois de que xa estivesen instaladas. A Delegación do Goberno vén de regularizar así unha situación que é claramente ilegal, xa que esta autorización é perentoria e previa á instalación das mesmas. Ademáis, o goberno local debe xustificar a necesidade da utilización da videovixilancia en cada caso concreto.
Porén, as cámaras están instaladas desde agosto do ano pasado e sen embargo o Concello da Coruña solicitou a autorización, por medio do Concelleiro Delegado de Seguridade Cidadá, o 11 de decembro do 2006. O MpDC xa apresentara varias peticións solicitando información sobre a máis que probábel –e posteriormente confirmada- colocación ilegal e irregular das vídeocámaras, o primeiro deles o 15 de setembro. A Comisión de Garantías solicita ademáis que se lle envíen as imaxes no momento en que “se instalen as cámaras”, cando coñece, xa que existen varias queixas presentadas, que están instaladas desde hai varios meses.
No entanto, a Delegación do Goberno si que corrixe a proposta inicial ao exixir que a vixilancia se efectúe por medio de axentes de policía, e non por medio de funcionarios municipais no horario de apertura da estación e por axentes de seguridade privada o resto do tempo, como propoñía o Concello da Coruña, e o que obviamente é ilegal.
Con esta nova actuación, a Delegación do Goberno confirma que non ten a mínima intención de salvar os mínimos principios garantistas establecidos na lexislación en torno á videovixilancia, e que mesmo salta por riba desa lexislación para correxir, a posteriori, unha ilegalidade, cando debera sancionar ao Concello da Coruña por violar os dereitos cidadás. A Delegación xa se negara recentemente a facilitar os datos sobre o número de vídeocámaras instaladas en Galiza. E o Concello da Coruña reincide na colocación de cámaras antes de contar con autorización legal, como xa aconteceu noutros casos, o que pode representar un notábel desperdicio de fondos públicos.
A Comisión de Garantías autoriza as cámaras de videovixilancia na Coruña meses despois da súa instalación
Written By Virgulino on 5/6/07 | 11:19
Etiquetas:
Concello da Coruña,
Delegación do Goberno,
Dereito ao honor intimidade e á imaxe,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario