Inclúe denuncias contra concellos como Compostela e Trives, pero esquece a Delegación do Goberno e a cuestión da videovixilancia
O Defensor del Pueblo inclúe no seu informe anual os casos de varias administracións galegas que foron supervisadas por diversas queixas, e que debería propiciar unha seria reflexión na actuación das institucións do noso país. O informe rexistra máis de 1.000 queixas en Galiza no ano pasado, fronte ás pouco máis de 700 do ano anterior, co cal se rexistra un notábel incremento.
Porén, do MpDC temos que sinalar dúas ausencias notábeis neste informe: non aparece en ningún lugar información sobre a Delegación do Goberno en Galiza, que acumula máis dunha ducia de queixas sen contestación, e cunha actitude claramente negativa a respeito dos dereitos da cidadanía, confirmada polos os acontecementos recentes; do mesmo xeito, a cuestión da videovixilancia e das vídeocámaras non supón ningún conflicto para o defensor –a pesar de contar tamén con ducias de queixas tan só en Galiza- e non se recollen tampouco no informe. Podemos afirmar que é unha omisión absolutamente deliberada xa que Defensor coñece como nos últimos anos se instalaron videocámaras en diversos concellos sen acreditar ou renovar os permisos pertinentes e sen que as institucións implicadas explicasen a legalidade das mesmas.
Dos diversos casos rexistrados no noso país, inclúese no informe a denuncia contra o concello de Santiago de Compostela pola negativa da Policía Local a facilitar os seus datos, e afírmase que se tiveron que facer até tres requerimentos para obter información do Concello. Tamén inclúe a este concello na sección de institucións que non colaboraron por demorar en contestar a unha petición formulada no dereito de petición. Outro caso destacável é o do concello da Pobra de Trives, denunciado polo MpDC, ante a negativa deste Concello a facilitar as instalacións públicas para o uso das asociacións veciñais, sen xustificación de ningún tipo. En Trives, denegaraselle o uso da casa de cultura á asociación xuvenil Galiza Nova para a proxección dun filme por considerar que constituía un acto político. Outro caso denunciado recentemente polo MpDC, e recollido neste informe, é o do concello de Padrón, que non permite aos diferentes grupos políticos da Corporación municipal utilizar ningún tipo de salón, local ou para reunirse cos veciños e asociacións do concello, e négase a responder aos requerimentos do Defensor.
O Informe sinala a varios concellos galegos como administracións entorpecedoras ao negarse éstas a colaborar coa institución: Ribadumia, Porto do Son, Pereiro de Aguiar, Maside, e detalla como varios concellos non responderon a requerimentos, como os de Noia, Tui, A Coruña ou Abegondo, e a Consellería de Educación. Inclúe unha recomendación sobre a aprobación da relación de postos de traballo no Concello de Lugo e recordatorios de deber local a Cambados, no relativo aos procesos de selección, e a Carballo e Pontevedra, en relación coa necesidade de inspeccionar as obras ilegais e a imposición de sancións. Por último, tamén realiza suxerencias ao concello de Sarria –sobre a necesidade de respeitar os principios de mérito, igualdade e capacidade no acceso á administración local.
O MpDC considera que o Defensor non está a cumprir plenamente coas súas funcións ao constatar a súa impotencia para a resolución da maioría das queixas presentadas –e tamén pola omisión de cuestións importantes- pero aínda así os feitos rexistrados no Informe deberían levar a unha reflexión e un cambio de actitude nas institucións mencionadas.
O Defensor del Pueblo inclúe máis de 1.000 queixas rexistradas en Galiza no seu informe anual
Written By Virgulino on 31/5/07 | 12:42
Etiquetas:
Concello da Coruña,
Concello de Lugo,
Concello de Padrón,
Concello de Pontevedra,
Concello de Santiago de Compostela,
concello de vedra,
Defensor del Pueblo,
Delegación do Goberno,
Dereito ao honor intimidade e á imaxe
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario