Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A actuación policial viola o dereito ao traballo dos mariscadores de Ferrol

Written By Virgulino on 30/5/07 | 12:54


O MpDC exixe unha investigación da Delegación do Goberno

Nova carga policial inxustificada e desproporcionada


A nova actuación da Policía Nacional na comarca ferrolá non só impediu que os mariscadores puideran facerse á mar, senón tamén poder exercer o seu dereito cidadán ao traballo, recoñecido como un dereito social de rango constitucional. Co novo dispositivo policial, a Delegación do Goberno dirixida por Manuel Ameijeiras, volve incorrer na mesma actitude que a rexistrada xa no 9 de maio. Ademáis, existiu unha nova actuación policial violenta que é de novo responsabilidade directa de Ameijeiras. Segundo diversos testemuños chegados ao MpDC, na carga policial de onte participaron mesmo forzas militares, comezou antes de que atracaran os mariscadores e houbo varios feridos. Ademáis, rexistrouse unha detención, a do Patrón da Confraría de Ferrol.

As Forzas de Seguridade do Estado non poder impedir saír a mariscar aos traballadores coa excusa de defender a entrada dos metaneiros en Reganosa, xa que así non están a protexer o libre exercicio dos dereitos e libertades cidadás, senón que, polo contrario, están a anulalos, xa que se lles impediu o exercicio do dereito lexítimo ao traballo. Do mesmo xeito, non se xustifica a violencia contra a cidadanía.

O MpDC solicitará da Delegación do Goberno –aínda que a experiencia demostre que esta institución non responde favorabelmente ás demandas cidadás- unha investigación exhaustiva dos feitos que determine se a actuación foi proporcionada e coherente, e se ten prevista algunha compensación para os mariscadores que non puideron exercer o seu dereito ao traballo. Así mesmo, máis unha vez queremos denunciar a tendencia á policialización de todos os conflictos sociais e a utilización como único recurso da forza en vez do diálogo social e a solución dos conflictos de fondo.

0 comentarios:

Publicar un comentario