Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC móstrase preocupado pola acollida que está a ter o Proxecto de lei para a creación da Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais

Written By Virgulino on 3/11/06 | 12:56

O Movemento polos Dereitos Civís quere mostrar a súa preocupación pola acollida que está a ter o Proxecto de Lei para a creación da Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais (AGBPP) entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Nos últimos días, esta asociación recibiu chamadas da Garda Civil así como entradas no seu blog dende a Dirección Xeral da Policía de Madrid. En concreto, trátase de dúas accións diferenciadas.
O pasado mércores, o MpDC recibía unha chamada dun suxeito que en ningún momento quixo identificarse e que estaba moi interesado por o mencionado Proxecto de lei. O curioso deste caso é que no teléfono desta asociación quedou rexistrado un número que se corresponde co do cuartel da Guardia Civil de A Coruña.


Ademáis, o MpDC conta cun blog onde día a día vai informando aos seus afiliados e simpatizantes das súas actividades, quedando rexistrada a entrada de calquera usuario que entre na páxina. Pois unha das consultas do día de onte foi realizada dende a Dirección General de la Policía de Madrid.

Ante estes feitos estraños e de dubidosa transparencia, o MpDC quere mostrar a súa preocupación polo que está a provocar a futura Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais, un ente que posibilitará entre outras cousas que se acabe coas actuacións dos corpos de seguridade baseados no abuso de poder e no escurantismo.

A continuación incluímos o preámbulo do Proxecto de Lei para a creación da AGBPP:

PREÁMBULO

A presente Lei, que crea a Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais, ten como obxectivo continuar avanzando na transparencia nas actividades e na xestión dos asuntos públicos por parte da Administración autonómica galega. En particular, a Axencia pretende progresar na transparencia da actividade dos poderes públicos nunha materia especialmente sensible aos efectos dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas: as prácticas da Policía Autonómica e das Policías Locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Todo o ordenamento constitucional e estatutario basease, en tanto que encadrado nun Estado de Dereito, no principio da división de poderes. Tal postulado nuclear está orientado a equilibrar as potestades dos diferentes poderes do Estado e da Comunidade Autónoma, evitando así un excesivo intervencionismo en relación cos dereitos e liberdades fundamentais dos cidadáns. O principio de división de poderes, na súa evolución máis moderna, non ten dado lugar só ao deseño de diversos mecanismos xurídicos que disciplinan a relación entre os tres poderes, e permiten a súa compensación mutua, xunto a isto, esa evolución permitiu a aparición de institucións que realizan un control sobre a actividade dos diversos poderes, como o Defensor el Pueblo ou o Valedor do Pobo, e que facilitan o seu permanente acomodo ao mellor respecto do ordenamento xurídico, facendo tamén realidade a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos (art. 9.3 Constitución Española).

As institucións citadas perseguen igualmente o cumprimento doutro postulado básico do noso ordenamento xurídico, ou de facilitar a participación dos cidadáns na xestión dos asuntos públicos (art. 9.2 Constitución Española). As devanditas institucións permiten e canalizan a intervención dos cidadáns no control da actividade dos poderes públicos, dispositivo que deriva directamente, ao tempo que afonda, o principio democrático do Estado.

A creación da Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais enmárcase no mellor respecto de ambos principios constitucionais e estatutarios, sen perda das competencias doutras institucións, sinaladamente do Valedor do Pobo. Se ben esta institución é competente para supervisar a actividade da Administración autonómica e local no caso da Comunidade Autónoma de Galicia (art.1.3 Lei 6/1984, do Valedor do Pobo), parece procedente que esa labor sexa tamén compartida no caso da actividade das forzas e corpos policiais, habida conta da relevancia en materia de dereitos e liberdades fundamentais de dita actividade sectorial.

As forzas e corpos policiais teñen como misión fundamental protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdade e garantir a seguridade cidadá (arts. 104.1 Constitución Española, 27.25 Estatuto). Precisamente no desenvolvemento de tal función, que lles conduce a adoptar frecuentemente medidas coercitivas, a súa actividade intervén no exercicio de dereitos e liberdades, podendo dar lugar a excesos de intromisión en tales dereitos. Deste xeito, e como se ten feito nos ordenamentos doutros países, semella procedente a creación dunha Axencia especificamente encargada de supervisar e controlar tal actividade.

A creación da Axencia Galega de Boas Prácticas Policiais enmárcase neste conxunto de postulados basilares do ordenamento xurídico. A presente Lei regula a natureza e órganos da Axencia (facilitando a participación institucional de representantes da sociedade civil), establece as súas funcións, prerrogativas e competencias, e dispón o seu procedemento de actuación. Xunto a isto, e como emanación da potestade disciplinaria que corresponde á Administración en relación coas persoas que se vencellan á mesma por unha relación de suxeición especial e, en particular, cos funcionarios públicos, establece o réxime xurídico das infraccións e sancións que podan derivarse da actividade policial irregular, en coherencia co establecido ao respecto da normativa estatal e autonómica de policía.

0 comentarios:

Publicar un comentario