Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

As grandes cidades galegas optan por colocar cámaras de videovixiancia para paliar defectos nos corpos de Seguridade e na xestión dos propios concello

Written By Virgulino on 16/10/06 | 17:06

Cada día son máis as grandes cidades de Galicia que optan por colocar cámaras de videovixiancia en lugares moi concorridos para tentar paliar os defectos na función dos Corpos de Seguridade e tamén dos programas de concienciación e educación social dos propios concellos.

En Santiago, xa son varios os anos que os colectivos que velan polos dereitos das persoas, como é o caso do Movemento polos Dereitos Civís, levan pelexando para que o concello retire varios dispositivos que ten colocados, sobre todo na zona vella.

O MpDC vén denunciando as irregularidades percibidas no emprego das cámaras de videovixiancia compostelanas, e defendendo a súa retirada dada a nula utilidade que veñen demostrando na consecución dos fins que o Concello di perseguir, téndose amosado en cambio que son unha clara intromisión no dereito á intimidade e á propia imaxe.

É máis, se a instalación deste sistema de vixiancia está totalmente en regra, non entendemos a negativa do Concello a entregar o expediente solicitado e os permisos correspondentes, ao Xulgado do Contencioso-Administrativo. O MpDC leva loitando dende a súa cración para que a Casa Consistorial santiaguesa presente toda a documentación que acredite que as cámaras de videovixiancia colocadas na capital de Galicia contan cos permisos pertinentes e, sobre todo, están a cumprir o fin para o que foron instaladas.

Muralla de Lugo

Outro caso chamativo é o da cidade de Lugo onde o concello decidiu instalar cámaras de videovixiancia para tentar frear os actos vandálicos nesta construcción romana, dicían, pero a verdade é que non logrou solucionar ningún dos problemas existentes, e aínda por encima está a vulnerar o dereito á intimidade e á propia imaxe de moitas persoas que cada dían transitan polas súas inmediacións, cumprindo a legalidade vixente.

O Concello de Lugo anunciou públicamente que ía solicitar o permiso necesario para proceder á instalación de cámaras de videovixiancia en todo o contorno da muralla luguesa. Xustifican a medida afirmando que coa colocación das devanditas cámaras se previrán os actos vandálicos que está a sufrir o mobiliario urbano.

Sen embargo, na Lei Orgánica 4/1997 que regula a utilización de videocámaras, establécese que o seu uso en lugares públicos debe estar presidido polo principio de proporcionalidade, na súa dobre vertente de idoneidade e de intervención mínima, e que esixe sempre a existencia dun razoabel risco para a seguridade cidadá. A Lei establece estos límites porque debe primar sempre o dereito ao honor, á intimidade e á propia imaxe das persoas, que só cederá ante un beneficio de tal entidade que estos dereitos deban ser suspendidos.

Desde logo, os danos do mobiliario urbano lugués deben ser evitados, pero a realización dunha pintada ou o destrozo dunha papeleira, deben considerarse delictos de menor importancia, e desde logo non supoñen un risco tal para a seguridade cidadá que xustifique a instalación de cámaras, debendo considerar así esta medida como desproporcionada.

Ademáis, a mera instalación de cámaras non vai conseguir que esos actos deixen de producirse, difícilmente se poderá identificarse algún dos responsabeis e con toda a seguridade seguirá habendo incidentes deste tipo, tal e como xa se comprobou noutras cidades onde estos aparellos foron instalados, demostrándose así a pouca idodeidade da medida para o fin que se persegue.

Estación de autobuses da Coruña

O pasado 7 de decembro a entidade local herculina publicaba na súa páxina web a intención de sacar un concurso público para a instalación dun sistema de seguridade na estación de autobuses e no edificio de Urbanismo. Na referida información sinalábase que a colocación dun total de 22 vídeocámaras e un avanzado sistema informático.

O MpDC considera que non existe a necesidade de instalar cámaras de vídeovixilancia en ningún dos lugares públicos citados da cidade de A Coruña. Estes emprazamentos, así como a cidade en xeral, son tranquilos e seguros polo que non é de recibo vulnerar o dereito á intimidade e á propia imaxe dos cidadáns para previr a reaización dunha pintada esporádica ou un pequeno furto. Ademáis hai que sembrar que o Concello xa afirmara noutra ocasión que contara con permisos para vixiar o entorno da Praza do Humo e de María Pita cando en realidade só dispuña de permisos para o control de fachdadas de edificios públicos.

Outras vilas que se suman a esta iniciativa

Nos últimos meses hai outras vilas menores, como a coruñesa de Boiro ou a ourensá de Ares, onde tamén se está barallando a posibilidade de colocar cámaras de videovixiancia para controlar as zonas de marcha os fins de semana. A poboación, danada polos constantes alborotos da xuventude ve de bo grado medidas que palíen estes ruídos pero non saben que desta forma están sendo controlados case durante as 24 horas do día sen que os resultados obtidos xustifiquen esa intromisión na súa intimidade.

É moi probable que esta mesma cidadanía estívese dacordo tamén en medidas de concienciación social e educación á xuventude ou que se respectara as Ordenanzas existentes, iniciativas estas que non vulnerarían os dereitos dos cidadáns recollidos no Título I da Constitución.

Ademáis, por todos é coñecido, que moitos dos problemas que se rexistran nas zonas da “movida” nas vilas galegas e por mor do incumplimento das normativas existentes por parte dos propietarios dos locais e a pasividade dos concellos á hora de facelas cumplir.

Por todos estos motivos, o MpDC solicita que os tódalas institucións públicas nas que se encontran instaladas cámaras de videovixiancia recapaciten sobre a función que cumpren estes dispositivos e analicen se están a cumprir a función para a que foron postos, e en caso contrario procedan á súa retirada.

Queremos lembrar que non temos constancia de que se solventara un só ilícito legal pola utilización das mencionadas cámaras.

0 comentarios:

Publicar un comentario