Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia que o Defensor del Pueblo non investiga a posible vulneración da liberdade de prensa dunha xornalista

Written By Virgulino on 11/9/06 | 11:46

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) vén de denunciar que o Defensor del Pueblo non investiga a posible vulneración da liberdade de prensa dunha xornalista. Esta actuación da conta da ineficacia desta institución na defensa dos dereitos dos cidadáns.

Os feitos ocorreron o 23 de abril do 2005 cando a mencionada fotoxornalista desempeñaba o seu traballo durante unha intervención do daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, na feira de Galiemprego. A Policía Nacional detivo a varias personas que trataban de manifestarse pacificamente para identificalos mentres ésta tomaba imaxes da desmesurada actuación dos axentes.

Os membros do corpo policial non detiveron á xornalista que estaba a fotografar o acontecido pero si que lle requisaron a cámara e borraron as imaxes tomadas, vulnerando o seu dereito de liberdade de prensa.

A través do MpDC, esta traballadora denunciou ante o Valedor do Pobo a actuación policial obtendo como resposta que esta medida era competencia do Defensor del Pueblo, ao tratarse dunha actuación da Policía Nacional.

Despois dos trámites pertinentes e a presentación do escrito ante o Defensor del Pueblo, a xornalista e o MpDC obtiveron como resposta que a fotógrafa non fora detida, polo que non se vulnerara o seu dereito de liberdade de prensa, obviando o feito de que o acopio indebido das imaxes tamén atenta contra o citado dereito.

O MpDC tamén lles solicitara no escrito que o Defensor del Pueblo realizase unha Recomendación á Dirección General de la Policía así como a outras administracións públicas que podan estar relacionadas cos feitos, para que respeten os dereitos civís recoñecidos na Constitución.

Como era de esperar, esta recomendación por parte do Defensor del Pueblo non se fixo nin tampouco declarou ás forzas de seguridade do Estado entorpecedoras do traballo da administración de defensa dos dereitos cidadás, por non tratar de aclarar o acontecido o día dos feitos antes contados.

O MpDC considera inaceptabel que se xustifique unha actuación policial coma ésta no feito de que non fora detida a xornalista cando o dereito de liberdade de prensa se pode vulnerar sin necesidade de deter a ningunha persoa, como foi este caso.


Tampouco é de recibo que esta institución non considere oportuno facer unha Recomendación aos corpos de seguridade do Estado para que respeten os dereitos recoñecidos na Constitución

0 comentarios:

Publicar un comentario