Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O concello da Pobra de Trives prohibe a exhibición dunha curtometraxe sobre Che Guevara aludindo razóns ridículas

Written By Virgulino on 20/9/06 | 12:12

O concello da Pobra de Trives prohibiu a membros dunha asociación xuvenil a exhibición dunha curtometraxe sobre Che Guevara no local da casa da cultura da localidade ourensá. Despois das pertinentes reclamacións ante o Valedor do Pobo a entidade local aludiu a razóns ridículas para oporse ao visionado do mesmo.

Os feitos ocorreron o pasado 31 de outubro do 2005 cando un representante da asociación xuvenil solicitou ao concello colaboración para a proxección dun documental “Che Guevara, donde nunca jamás se lo imaginan” no local da casa da cultura.

A resposta negativa por parte do concello prodúxose un mes despois prohibindo tal exhibición debido a que a casa da cultura non pode acoller actos de partidos ou agrupacións políticas. Evidentemente, esta resposta é ridícula pois trátase dunha agrupación xuvenil e non política.

O MpDC reclamou ante o Valedor do Pobo, o pasado mes de febreiro, para que esta institución invitase ao concello de Trives a cumprir coas súas obrigas e a cumprir coa lei permitindo o desenvolvemento de actividades aos membros da asociación Galiza Nova.

A Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, establece que as corporacións locais favorezcan o desenvolvemento das asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, facilitándolles a máis ampla información sobre as súas actividades, e, dentro das súas posibilidades, o emprego dos medios públicos e o acceso ás axudas económicas para a realización das súas actividades.

Como se pode observar, o concello de Trives incumpriu a lei ao impedir que a mencionada asociación proxectase o citado documental nun local público, como é a casa da cultura.

Logo dos trámites ante o Valedor do Pobo, o concello xustificou a súa actuación dicindo que nesas datas, por mor da campaña electoral das Eleccións Autonómicas, a casa da cultura estaba posta a disposición da Xunta Electoral. Ademáis, a entidade local tamén sinala que isto foi o que contestou ao membro da asociación nun primeiro momento, cousa que é totalmente falsa.

O MpDC considera inaceptabel que dende unha institución pública como é o concello da Pobra de Trives se poñan atrancos ás actividades dunha asociación legal e de carácter xuvenil, incumplindo unha lei anteriormente citada.

0 comentarios:

Publicar un comentario