Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

MpDC denuncia a persecución de membros dun colectivo xuvenil por parte do Corpo Nacional de Policía de Monforte de Lemos

Written By Virgulino on 5/9/06 | 16:54

Dita comisaría responde que as súas accións foron realizadas para combater o tráfico minorista e consumo de drogas en centros educativos e nos seus entornos.

Movemento polos Dereitos Civís ven de denunciar unha persecución dos axentes do Corpo Nacional de Policía de Monforte de Lemos aos membros dun colectivo xuvenil. En concreto MpDC refírese aos feitos ocorridos o pasado 23 de xuño nas inmediacións dun centro de ensino da vila lucense.

Dous mozos da organización xuvenil foron retidos e levados á comisaría para a súa identificación polo mero feito de estar realizando un reparto, totalmente pacífico, de información e publicidade sobre a súa asociación ás portas do I.E.S. Daviña Rei.
En resposta escrita, a Comisaría de Monforte sinala que a súa actuación se debeu dacordo ao plan de respostas ao tráfico minorista e consumo de drogas en centros educativos e nos seus entornos.

No caso concreto dos rapaces de Galiza Nova, o corpo de seguridade sinala que procedeu a identificación dos mesmos ante a posibilidade de que os citados mozos puideran estar empregando o reparto de panfletos, dunha organización legal, para acercarse aos alumnos, non causar sospeitas e ter intencións delictivas. Por este motivo foi polo que se lles solicitou a identificación e foron levados á comisaría, conclúen.

MpDC denunciou esta persecución por considerar que os axentes utilizan dunha forma deturpada este plan que xa fora denunciado no seu día por criminalizar a calquera persoa que se atopara nas cercanías dun centro estudiantil. Segundo o artigo 1.1 da Lei de Seguridade Cidadá, os axentes deberían protexer o dereito de libre asociación, e actuar con finalidade de erradicar a violencia e previr delicto sen faltas, non atopándose a actividade cidadá de repartir folletos sobre unha asociación comprendida entre os denominados actos delictivos.

Ademais, os axentes poderán requirir, no exercicio das súas funcións de indagación e prevención, a identificación das persoas e realizar as comprobacións pertinentes na vía pública ou no lugar onde se fixera o requirimento, pero esto só poderá facerse cando o coñecemento das persoas fora necesario para o exercicio de funcións de protección da seguridade.

Só se poderá proceder á retención e levada a comisaría, cando a identificación resultara necesaria para impedir a comisión dun delicto ou sancionar unha infracción, situación que non se produce cando uns mozos reparten panfletos sobre unha asociación xuvenil ás portas dun instituto.

Non é un feito illado.

Estes feitos non foron os únicos de persecución policial a membros desta asociación porque uns meses antes, os axentes tamén retiveron e identificaron a uns mozos que estaban arranxando un mural na Rúa de San Pedro, tamén en Monforte de Lemos.
Neste caso a Policía xustifica a súa intervención nunha denuncia dun veciño da zona que alertou aos axentes porque un grupo de mozos estaba facendo unha pintada nun muro.

Como se pode observar, a actuación da Policía Nacional nesta vila lucense estase a converter nunha persecución contra membros dese colectivo baseándose nunha instrucción relacionada co tráfico minorista e o consumo de drogas en centros educativos, actividade que queda demostrado non está relacionada cos fins desta asociación xuvenil.

Ademais, este corpo de seguridade está a realizar actividades que lle corresponderían a membros da Policía Local da vila e, polo tanto, non da súa competencia.

Por todas estas razóns o MpDC solicitou a investigación da actuación deste corpo de seguridade na vila lucense e reclama a erradicación de feitos coma este que privan da liberdade individual e tamén do dereito de asociación, nunha sociedade baseada nos principios democráticos, garantidos, en teoría, polas forzas de seguridade do Estado español, entre elas o corpo antes citado.

0 comentarios:

Publicar un comentario