Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O xefe da Policía Autonómica solicita a colaboración do MpDC para rematar cos casos de abusos policiais

Written By Virgulino on 22/6/06 | 16:08

O Movemento polos Dereitos Civís, mantivo esta mañá unha entrevista co Xefe da Policía Autonómica galega coa intención de apresentarlle o “Informe 2005”, recentemente publicado, e realizar unha serie de recomendacións de cara a mellora do seu servizo á sociedade.

Debido á recente publicación do “Informe 2005”, no cal recopilamos o traballo levado adiante polo Movemento durante o pasado ano, solicitamos reunións con diferentes autoridades gubernativas, da administración xeral e da administración de xustiza. Entre as mesmas atopábase o Xefe da Policía Autonómica, celebrándose a entrevista esta mañá ás 11 horas na Sede da Policía, onde lle explicamos máis detidamente que é o MpDC, os contidos do devandito informe, así como tamén, as medidas que propoñemos en temas concretos relacionados coas funcións que a Policía Autonómica desempeña agora mesmo, e tamén pensando no futuro aumento de competencias.

Concretamente falámoslle da nosa preocupación desobediencia que amosan algúns axentes da obriga de identificarse co seu número de placa cando un cidadán llo solicite. Respecto a isto o Xefe da Policía explicounos que aínda que xa existe unha circular interna que aclara esta obriga policial, vai a mandar outra comunicación a todos os funcionarios responsábeis dalgunha área, para que deixen isto ben claro entre os axentes.
En xeral a tónica da entrevista foi cordial, e recoñecendo que poden existir casos puntuais e aillados de abusos de poder, ou conductas indebidas por parte de algúns axentes, o Xefe da Policía Autonómica solicitou a colaboración do Movemento polos Dereitos Civís, para que poñan no seu coñecemento todas aquelas denuncias ou queixas sobre a Policía Autonómica que se reciban, para así poder investigalas e sancionar aos responsábeis de verificarse que estas son certas.

Outro dos temas dos que se falou na reunión, foi sobre a actuación policial desproporcionada durante a celebración de Galiemprego no ano 2005, caso que está sendo agora obxecto de investigación xudicial, e do que, aínda que non tiña noticia, se interesou vivamente ofrecendo as gravacións que existen daqueles feitos de cara a esclarecer o sucedido.

En conclusión, desde o Movemento polos Dereitos Civís, felicitamos ao Xefe da Policía Autonómica, por esta actitude aberta e de colaboración, que de seguir así, de seguro servirá para mellorar o respecto e o cumprimento dos dereitos civís dos galegos e galegas.

0 comentarios:

Publicar un comentario