Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Indulto para os veciños do Eixo

Written By Virgulino on 12/6/06 | 16:12

Como lembraredes, hai un tempo que tres veciños da parroquia do Eixo foron condenados a penas de cárcere e indemnización polo simple feito de defenderen o dereito da súa veciñanza a contar con infraestruturas de seguridade viaria na estrada N-525, na zona de Santa Lucía.

As mobilizacións que no seu día convocaron os veciños e veciñas desta parroquia foron reprimidas con unha intervención policial totalmente desproporcionada e agresiva que ocasionou lesións a un axente e que orixinou a acusación.

Malia os múltiples testemuños en defensa dos veciños, a Audiencia Provincial condenou a Simón Márquez Valle, José Moreira Fernández e Jesús Montoiro Cepeda a sete anos de cadea a e unha indemnización conxunta de 156.620 euros. Esta condena acaba de ser ratificada polo Tribunal Supremo e estes veciños van verse obrigados a pagar por uns acontecementos que nunca foron suficientemente aclarados e que, en calquera caso, non pretendían máis que defender o ben colectivo.

Como non se vos escapa, as consecuencias que esta condena pode ter para estas persoas e para as súas familias precisan de toda a nosa solidariedade para resolver esta inxustiza. Xa hai tempo que se están recadando colaboracións económicas para afrontar a indemnización. A Asociación Veciñal Domingo Cepeda infórmanos que neste momento faltan aínda 91.000 euros para completar a cantidade que se lles require. O número de conta para facer contribucións é o de Caixa Galicia: 2091-0349-48-3040008925.

Cómpre ademais apoiar a solicitude de indulto que moitas persoas e institucións están enviando ao Goberno do Estado. Para facelo, podedes asinar o modelo anexo e entregalo no local do Movemento polos Dereitos Civís (Rúa do Miguel Ferro Caaveiro, 10 - 2º), desde onde os enviaremos á Asociación do Eixo e, finalmente, ao seu destinatario. O último día para entregar as solicitudes é o 15 de xuño, pero ata esa data podedes colaborar tamén recollendo apoios doutras persoas.

1 comentarios:

Anonymous dijo...

"Como lembraredes, hai un tempo que tres veciños da parroquia do Eixo foron condenados a penas de cárcere e indemnización polo simple feito de defenderen o dereito da súa veciñanza a contar con infraestruturas de seguridade viaria na estrada N-525, na zona de Santa Lucía."

se os olvida decir que :cualquier parecido de este párrafo con la realidad es pura coincidencia

Publicar un comentario