Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC tamén se solidariza con Anxo Moure

Written By Virgulino on 31/10/05 | 12:28

Fai dúas semáns dous militantes de ADEGA foron xulgadas por defender o respecto polo medio ambiente, agora xúlgase a Anxo Moure, membro de varios colectivos e pacifista.

Hai dous anos membros do colectivo Xevale ou Bicis pola Paz, nun acto público na inauguración da gardería municipal en Chantada e ante a presenza do Ex-presidente e Ex-ministro Manuel Fraga Iribarne, exhibiron ademais dunha bandeira de Nunca Máis pedindo que nunca se volva a repetir semellante agresión ao medio ambiente e á dignidade dun pobo, unha pancarta onde se pedía un Adeus ás armas. O paxariño Vicentiño e a carauta dun dos porcos do conto dos 3 porquiños, personaxes utilizados no labor pedagóxico de educación ambiental que Anxo desenvolve por todas as escolas do país, acompañaban ao acto pacifista de protesta.

Dende o muro onde Anxo estaba situado foi empuxado por un policía caendo enriba doutro axente. Arrastras, foi levado ao ambulatorio para curalo da caída e alí comunicáronlle que ía ser detido e denunciado por atentado. Tivo que ser a cámara dunha televisión a que amosara o realmente ocorrido e agora vaise celebrar o xuízo, pero non por atentado senón por resistencia á autoridade polo que o fiscal pide un ano de cárcere e unha indemnización.

Desde o MpDC queremos facer público a nosa máis rotunda protesta ante a actitude dun determinado sector da xustiza que non dá comprendido que estamos en tempos de libre expresión e onde o respecto polas persoas e polo medio ambiente están por riba de calquera interese económico, militar ou político partidista. Ademais esiximos que a lei actúe e sexa igual para todos e todas e que non se pode permitir que mentres un dos máximos responsables do sucedido co PRESTIGE sigue impune, unha persoa que se manifesta pacificamente pola inxustiza que dende o seu e o noso punto de vista se está a cometer tamén coas vítimas do uso das armas, poida chegar a ser penalizada.

Volvemos a chamar a atención sobre a impunidade coa que actua os Membros dos Corpos e Forzas do Estado e lamentable presunción de veracidade das súas declaracións. Si non fose polas imaxes da agresión sufrida por Anxo Moure, este sería condenado por atentado contra axente da autoridade. Nembargantes, e mesmo coas imaxes, non é o efectivo Policial quen ten que responder pola súa actuación violenta, volvese a buscar un formulismo para criminalizar a un cidadán que exercita o seu dereito a manifestarse e se lle acusa de resistencia a autoridade.

O MpDC chama á solidariedade con Anxo Moure este próximo día 2 de Novembro ás 12 do mediodía no xulgado nº 1 de Lugo

0 comentarios:

Publicar un comentario