Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Mesa convida o Defensor do Pobo a visitar Galiza e denuncia a súa 'ignorancia supina' sobre a situación do galego no ensino

Written By Virgulino on 5/10/05 | 9:43

Carlos Callón: “O actual Defensor do Pobo só lle fai caso ás queixas que a el lle interesan ideoloxicamente”A Mesa remítelle tamén a Enrique Múgica unha copia do informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística real en Galiza, “por ver se pode aprender algo”

O actual Defensor do Pobo, Enrique Múgica, fixo pública unha carta dirixida á Ministra de Educación e Ciencia na cal expresa a súa preocupación polas –segundo el– “frecuentes e numerosas” queixas que recibe porque en Cataluña, Baleares e Galiza se optou por un modelo de “inmersión lingüística”. Ante tal despropósito, que demostra unha “ignorancia supina” da situación do ensino en Galiza, o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, enviou unha misiva a Enrique Múgica na cal o convida a coñecer o noso país e a visitar colexios, institutos e universidades para ver cal é a situación idiomática que se dá neles.

O Presidente da Mesa bótalle en cara a Múgica que “vostede só lle fai caso ás queixas que lle interesan ideoloxicamente: O mesmo permite o uso de topónimos galegos deturpados pola Administración que tramita escritos como este onde fala dunha absurda inmersión lingüística en Galiza, para pedir que se recorten aínda máis os dereitos lingüísticos dos galegos e das galegas”. O representante do colectivo cidadán demándalle “que actúe como verdadeiro defensor dos dereitos lingüísticos de toda a poboación do Estado” e que “non se camufle en illadas queixas cidadás para actuar politicamente ao seu antollo”.

O Defensor do Pobo fai política desde o seu cargo

Enrique Múgica actúa con “tendenciosidade” para utilizar politicamente as queixas que recibe. Este tipo de manipulación xa foi denunciada no seu momento, no ámbito de traballo que lles é propio, polo Movemento polos Dereitos Civís (26/04/05) cando advertiu aos grupos parlamentares no Congreso que Enrique Múgica non mencionaba as queixas formuladas pola asociación, referidas á falta de colaboración por parte da Administración.

Isto mesmo acontece coa Mesa pola Normalización Lingüística. As queixas que presentou esta entidade ao longo do ano 2004, referidas á discriminación da lingua galega e ao uso de topónimos ilegais e deturpados por parte da Administración do Estado, foron totalmente silenciadas no seu informe anual, e iso que nel existe unha epígrafe sobre “bilingüismo”. Para este tema, no caso galego só se mencionan dous casos illados, que responden aos intereses ideolóxicos de Enrique Múgica:

- Unha queixa dunha empresa que exixía ao Concello de Vigo que lle enviasen as cartas en español.
- Unha queixa dun cidadán que protestaba porque o Concello de Cervo lle enviou unha carta en lingua galega referida a unha obriga tributaria, exixindo este cidadán que lle enviasen as cartas en español.

Nos dous casos mencionados, o Defensor do Pobo realizou importantes xestións para que non fosen vulnerados os dereitos dos usuarios da lingua castelá. Das queixas realizadas pola Mesa, en tan só nunha delas se requeriu un informe, co cal se deu por fechado o expediente sen ningunha consecuencia práctica. Todas as outras queixas desta organización foron desbotadas automaticamente, mesmo en casos onde se denunciaba a utilización de topónimos ilegais como El Pindo*, Puenteareas*, Cillero* ou Mellid* pola Administración do Estado.

“O Defensor do Pobo debería ler o informe do Consello de Europa”

A Mesa tamén lle achega ao Defensor do Pobo unha copia do recente relatorio do Consello de Europa, onde se denuncia o incumprimento no Estado español da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Neste informe, o Consello de Europa sostén que o modelo educativo actual non está á altura das necesidades lingüísticas e culturais da Galiza. “Chama a atención como observadores externos europeos constatan a vulneración de dereitos lingüísticos dos estudantes galegos, mentres o Defensor do Pobo, moi interesado en facer política desde o seu cargo, non ten ouvidos para as nais e pais que ven imposibilitado escolarizar aos seus fillos en galego”, indica A Mesa.

Nota de Prensa: Mesa pola Normalización Lingüística

0 comentarios:

Publicar un comentario