Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

COMUNICADO DE PRENSA DA COORDINADORA PARA A PREVENCIÓN DA TORTURA

Written By Virgulino on 18/5/05 | 16:57

Ante o inminente debate e votación no Congreso dos Deputados, o martes 17 de maio, de diversas proposicións non de lei relativas á prevención e eliminación da tortura e os malos tratos, que contemplan a introdución de medidas, instrumentos de prevención e control do emprego de medios coercitivos, incomunicación e illamento en reclusión, así como sobre a ratificación e posta en marcha do Protocolo Facultativo á Convención contra a Tortura das Nacións Unidas, a coordinadora lémbralles ás súas señorías, deputados e deputadas, e á cidadanía en xeral:

1. Que, en contra do manifestado o pasado 26 de abril polo Excmo. señor ministro de Interior, D. José Antonio Alonso, os casos de tortura e malos tratos por parte de membros das FSE e funcionarios de prisións non son casos illados.
2. Que, como a Coordinadora para a Prevención da Tortura fixo constar o pasado 13 de maio, coa presentación do informe titulado A tortura no Estado español, 2004, do que se lles entregaron exemplares tanto á mesa do Congreso dos Deputados como ao Ministerio do Interior, se tivo coñecemento de que no pasado ano 2004 se produciron, polo menos, 793 denuncias por tortura e/ou malos tratos.
3. Que no devandito informe se recollen os casos de 202 funcionarios condenados durante os anos 2001-2004, por torturas, delitos e faltas de lesións e/ou contra a integridade física e moral das persoas (56 axentes do Corpo Nacional de Policía, 46 axentes da Garda Civil, 83 axentes das diferentes policías locais, 11 axentes das diversas policías autonómicas, e 6 funcionarios de prisións).
4. Que, segundo o recente informe presentado pola Coordinadora Estatal de Solidariedade coas Persoas Presas, Morte baixo custodia no Estado español, 2001-2004, polo menos, 262 persoas morreron en estrañas circunstancias cando se atopaban privadas de liberdade e baixo a custodia e responsabilidade de axentes das forzas de seguridade ou das institucións penais.
5. Que diferentes organizacións, estatais e internacionais, así como institucións internacionais viñeron reclamando, de forma reiterada, sen que as autoridades correspondentes deran resposta a estas, a aplicación de diferentes medidas para previr a práctica da tortura no Estado español.

Por todo iso, ante a discusión e votación do próximo martes 17 de maio e ante a gravidade dos feitos denunciados, facémoslles un chamamento ás señoras e señores deputados para que, en resposta á grave situación denunciada, tomen posición en favor da urxente toma das medidas necesarias para previr e erradicar esta lacra, especialmente e de forma inmediata, mediante:

A ratificación do Protocolo Facultativo á Convención contra a Tortura da Nacións Unidas (asinado polo Goberno español o pasado mes de abril) e, sobre todo, a posta en marcha dos mecanismos estatais para a prevención da tortura previstos no devandito protocolo, sen necesidade de esperar á aplicación oficial do protocolo, así como para que velen pola completa independencia dos devanditos mecanismos.

A posta en marcha daquelas medidas reclamadas reiteradamente por institucións internacionais, entre elas o Relator Especial para a Cuestión da Tortura das Nacións Unidas, do Comité Contra a Tortura da ONU e do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, e moi especialmente a desaparición das situacións de detención incomunicada e privación de liberdade en illamento.

A Coordinadora para a Prevención da Tortura reitera a súa vontade de permanecer vixiante para garantir a transparencia de todo o proceso, e comprométese ante a opinión pública a denunciar calquera intento de desvirtuar os mecanismos de prevención da tortura reclamados pola propia coordinadora, así como polas instancias nacionais e internacionais antes citadas.

0 comentarios:

Publicar un comentario