Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia ante o concello de Vigo a súa actitude contra carteis e murais que atenta contra a liberdade de expresión das asociacións

Written By Virgulino on 19/4/05 | 20:20

Desde o MpDC entende que o concello tente manter unha orde estética polo acontecemento deportivo do Volvo Ocean’s Race mais reclama unha ordenanza municipal para regular esta materia

O Movemento polos Dereitos Civís presentou ante o concello de Vigo unha petición na que amosa a súa preocupación xa que desde este colectivo en defensa dos dereitos civís se tiveron coñecemento da actitude radical que está a tomar o concello de Vigo contra carteis e murais que existen na cidade olívica.

Desde o MpDC entendemos que o concello se preocupe por manter unha certa orde estética, non só agora que está baixo a mirada de ollos extranxeiros polo acontecemento deportivo da Volvo Ocean’s Race que se aveciña, senon que esta debe ser unha actitude constante para facer a cidade o máis habitábel posíbel.

O MpDC engade que como asoaciación que defende os dereitos fundamentais da cidadania preocupase por este tipo de actitudes que vulnera o dereito de expresión, sobre todo daquelas organizacións sen ánimo de lucro e que conteñan unha mensaxe social, e que non poden exercelo por non poder acceder aos medios de difusión convencionais por carecer dos medios económicos necesarios.

Por esta razón, o MpDC solicita do Concello de Vigo que se tomen medidas para que estas organizacións sociais podan difundir a súa mensaxe, respectando deste xeito o seu dereito á liberdade de expresión. Reclama que este concello elabore unha ordenanza municipal para regular este materia e na que sexan tidas en contas as propostas do MpDC nesta materia: unha delimitación clara e racional dos lugares e superficies onde non se poden colar carteis ou pintar murais; a utilización dos feches temporais de obras e das paradas de autobus como zonas onde se podan realizar pintadas e murais así como de fixar carteis; e a concesión de axudas e subvencións ás organizacións sen ánimo de luvro para a difusión da súa mensaxe social, así como a reserva de certos espazos para a comunicación social estando estes identificados para que non se usen con fins comerciais.

0 comentarios:

Publicar un comentario