Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento polos dereitos Civís denuncia as agresións nunha protesta en Galiemprego

Written By Virgulino on 29/4/05 | 11:09

Censuraron aos medios de comunicación impedindo recoller imaxes

Desde o Movemento polos Dereitos Civís tamén queremos denunciar a censura realizada aos medios gráficos e audiovisuais, aos que non se lles permitiu grabar e tamén obrigaron aos fotógrafos a borrar as súas imaxes.

Na inauguración da feira Galiemprego, á que asistía Manuel Fraga, uns vinte mozos e mozas que comezaron unha protesta demandando “máis emprego” e “menos propaganda” foron rodeados e golpeados por membros da Policía Nacional e escoltas persoais do presidente da Xunta, que utilizaron unha violencia desproporcionada sen que existira resistencia.

Na mañá do 28 de abril, na feira Galiemprego, uns vinte mozos e mozas realizaban unha protesta na inauguración deste evento. Logo dun vídeo propagandístico da Xunta onde se amosaba a incríbel e fantasiosa situación da mocidade e o emprego en Galiza, estes mozos despregaron uns cartaces onde se lían os datos de precariedade laboral que se vive neste país ao tempo que berraban “menos propaganda e máis emprego”.
Mentres realizaban este acto de protesta eran rodeados e golpeados por membros da Policía Nacional e escoltas persoais de Fraga que utilizaron unha violencia desproporcionada sen que existira resistencia por parte destes mozos.

Catro destes mozos presentaron partes de lesións, logo de acudir ao hospital, por golpes nos brazos, pescozo, xeonllos e espalda, e presentaron esa mesma tarde unha denuncia na Comisaría de Policía Nacional por estes abusos das forzas de seguridade que, de novo, en vez de cumprir co seu suposto papel, realizaron un labor de persecución e agresión ante aqueles que se atreven a erguer a súa voz e protestar.

Un dos mozos, de 18 anos, foi detido e trasladado á comisaría por suposta agresión a un dos escoltas. O rapaz, que foi arrastrado e golpeado como o resto, foi vítima dunha detención arbitraria en medio da brutalidade dos policías. O Movemento polos Dereitos Civís quere denunciar estes feitos, así como o traslado a comisaría do coordenador do MpDC, Renato Nunes, que acudiu a solicitar o número de placa dos policías que estaban a identificar a estes mozos, e que foi trasladado a comisaría esposado, e tamén acudiu ao hospital para presentar parte de lesións.

Desde o MpDC tamén queremos denunciar a censura realizada aos medios gráficos e audiovisuais, aos que non se lles permitiu grabar e tamén obrigaron aos fotógrafos a borrar as súas imaxes.

Criticamos as desafortunadas palabras de Manuel Fraga ao referirse a estes mozos como “gamberros”. Gamberros son os que utilizan a violencia, os que menten aos seus cidadáns como Manuel Fraga, ou máis ben estas persoas merecerían outro calificativo máis grave, e desde logo non o son a xente nova que critica e se rebela contra a situación de precariedade e desemprego que vivimos no noso país.

0 comentarios:

Publicar un comentario