Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC diríxese ao Ministerio Fiscal para saber se se abren dilixencias cando hai indicios de delicto en declaracións políticas

Written By Virgulino on 15/3/05 | 12:07

Tras do arquivo de dilixencias, por parte do Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, Carlos Varela García, ante a denuncia da CIG polas declaracións de Enrique López Veiga, o Movemento polos Dereitos Civís ven de remitir un escrito ao Ministerio Fiscal para saber como debe actuar este cando hai indicios de existir un delicto a raíz das declaracións dun responsábel político. O MpDC ten en conta que si se abriron dilixencias ante o caso catalán do famoso 3%.

O Movemento polos dereitos Civís remitiu, o pasado 2 de marzo, un escrito ao Ministerio Fiscal para que este aclare algunhas dúbidas xurdidas a raíz do recente conflicto suscitado no Parlament de Catalunya, no que unhas declaracións do President da Generalitat deron lugar a que o Ministerio Fiscal iniciara as dilixencias oportunas para esclarecer os feitos dos que derivan as citadas declaracións.

Para o Movemento polos Dereitos Civís é un xesto de saúde democrática que as declaracións que realizan os responsábeis políticos non se pasen por alto xa que eles, como representantes da cidadanía, teñen a obriga de contar o que saben acerca de posíbeis irregularidades cometidas no exercicio de funcións públicas e, por ende, os órganos xudiciais, e no seu caso o Ministerio Fiscal deben examinar se o contido das declaracións vertidas polos políticos se pode deducir a existencia destas irregularidades.

Por iso, en virtude ao Dereito de Petición do artigo 29 da Constitución Española, solicitouse resposta ás seguintes preguntas:

* Ten o ministerio Fiscal a obriga legal de abrir dilixencias cando a raíz das declaracións dun responsábel político se deduce a existencia dun delicto ou só o fai a instancia de parte?

* Se das declaracións se derivase a presunta existencia dun delicto aínda que non así a identidade do autor ou autores, debería rexeitarse unha investigación ou polo contrario, debería investigarse para coñecer esa identidade, cousa que sería tan sinxela como tomar declaración á persoa que realiza as declaracións para que aclare a quen está imputando eses feitos?

* Existen criterios unificados nesta materia a nivel estatal, ou até que punto ten discrecionalidade un fiscal xefe dun Tribunal Superior de Xustiza, para abrir ou non unha investigación a raíz deste tipo de declaracións?

* No caso de que o Fiscal Xefe dun Tribunal Superior de Xustiza arquive as dilixencias en relación a un caso dos prantexados, ten a Fiscalía Especial para a Represión de Delictos Económicos relacionados coa Corrupción, a potestade de reabrir a investigación sobre o mesmo caso, en caso afirmativo, farao de oficio ou a instancia de parte?

O Movemento polos Dereitos Civís lembra que Carlos Varela xustificou o arquivo das dilixencias sobre corrupción sen investigar, argüíndo que “en tales manifestacións non existen acusacións concretas de delicto contra ningunha persoa en particular, ao seren realizadas de forma xenérica dentro dun determinado contexto”.

López Veiga afirmara que “os que non tivemos ningún proceso de enriquecemento parello a nosa vida política non temos ningún problema, mentres que outros experimentaron un notable patrimonio”.

0 comentarios:

Publicar un comentario