Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Coordinador do MpDC presenta denuncia por inxurias contra o Alcalde de Compostela

Written By Virgulino on 17/12/04 | 17:13

AO XULGADO DE INSTRUCIÓN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA



JOSÉ RENATO NÚÑEZ DA SILVA, con NIF 44.457.012-J e domicilio para efectos de notificacións na rúa Miguel Ferro Caaveiro, 10-2º - San Lázaro; Santiago de Compostela, perante o Xulgado comparezo e DIGO:



Que por medio do presente escrito formulo DENUNCIA contra XOSÉ A. SÁNCHEZ BUGALLO, alcalde-presidente do Concello de Santiago de Compostela, con domicilio para notificacións no Pazo de Raxoi (1º andar); praza do Obradoiro, 1; Santiago de Compostela, en relación cos feitos que a seguir se referen:



FEITOS



PRIMEIRO. O pasado 7 de novembro do 2003, o denunciante presentou unha queixa perante o Defensor del Pueblo a raíz das reiteradas negativas de axentes da Policía Local de Santiago de Compostela a se identificaren, actitude que contravén o artigo 19 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación de Policías Locais. (DOG nº 59, de 26 de marzo)



SEGUNDO. En resposta ao requirimento realizado neste sentido polo Defensor del Pueblo, o alcalde de Santiago de Compostela, Sr. Xosé A. Sánchez Bugallo, emitiu un informe o pasado día 28 de outubro do 2004 (achego copia como documento n.º 1) no cal afirma literalmente



«Que es parecer de este Ayuntamiento, que los agentes de la Policía Local estaban y fueron plenamente identificados por el Sr. Núñez da Silva, y ninguna irregularidad existió y existe en cuanto a la identificación de todos y cada uno de los policías, como agentes de la Autoridad, en el ejercicio de las funciones propias de su cargo, por ello, debemos entender que la actuación de este ciudadano obedece a ciertos condicionantes inherentes a su propia personalidad, y que se demuestran e reiteradas ocasiones de forma violenta hacia cualquier tipo de mandato u orden que emane de la administración y en especial hacía la labor policial, según consta en los archivos de esta Policía Local de Santiago de Compostela».



TERCEIRO. O denunciante ten a condición de portavoz da asociación Movemento polos Dereitos Civís, que ten como misión a de velar polo respecto dos dereitos fundamentais e liberdades públicas. Por tal motivo, acode habitualmente ao Defensor del Pueblo e outras institucións análogas para denunciar actuacións das Administracións públicas



FUNDAMENTOS XURÍDICOS



I. O Código Penal de 1995 define no seu artigo 205 o delito de calumnia como: «a imputación de un delito feita con coñecemento da súa falsidad ou temerario desprezo cara á verdade». Así mesmo, o artículo 208 da mesma norma define a injuria como: «a acción ou expresión que lesiona a dignidade doutra persoa, menoscabando a súa fama ou atentando contra a súa propia estimación».



II. As declaracións realizadas polo Sr. Sánchez Bugallo non son certas, na medida en que os axentes da Policía Local non se identificaron debidamente, e ademais conteñen valoracións que buscan menoscabar a dignidade e honra do denunciante por escrito e perante un órgano constitucional como é o Defensor del Pueblo, alto comisionado das Cortes Xerais ao servizo dos cidadáns, para defender os seus dereitos e liberdades frente á actuación de calquera Administración.



III. O alcalde atribúe a «ciertos condicionantes inherentes a su propia personalidad» a conduta do denunciante ao dirixirse ao Defensor del Pueblo para cuestionar a actuación da Administración municipal. Así, insinúa a existencia de factores patolóxicos na personalidade do Sr. Núñez da Silva para explicar o que non é máis que o lícito exercicio dun dereito recoñecido na Lei Orgánica 3/1981, do 6 de abril, que regula a institución do Defensor. Ademais chega a afirmar que o denunciante mostrou «actitudes violentas» en «reiteradas ocasiones» -o que constitúe unha imputación de condutas eventualmente delituosas- sen identificar os feitos concretos a que fai referencia e limitándose a unha vaga remisión aos arquivos da Policía Local. Dáse a circunstancia de que o Sr. Núñez da Silva non se caracteriza precisamente pola súa agresividade nin foi nunca condenado en vía penal, polo que as manifestacións do alcalde son claramente insidiosas ao estar probadas de calquera apoio probatorio e ser evidente a intención de danar o bon nome e reputación do denunciante no contexto dunha investigación da cal poderían derivar consecuencias negativas para o Concello. Téñase en conta ademais que o alcalde de Santiago é consciente de que o denunciante é portavoz do Movemento polos Dereitos Civís e coñece a importancia que ten o recurso ao Defensor del Pueblo como instrumento de traballo para a asociación, polo que o prexuízo que se pretende conseguir mediante o descrédito do Sr. Núñez da Silva trascende o ámbito meramente persoal para afectar á honra e actividade ordinaria dunha asociación legalmente constituída.



Polo exposto,



SOLICITO AO XULGADO: Que teña por presentado este escrito de denuncia e proceda á pesquisa e comprobación dos feitos, para que, logo dos trámites oportunos, sexan no seu día xulgadas as persoas envolvidas nos mesmos.



Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2004.



José Renato Núñez da Silva



OUTROSÍ DIGO: Que interesa ao dereito do recorrente a práctica das seguintes dilixencias de proba:



1. Cítese para declarar como imputado ao Sr. Xosé A. Sánchez Bugallo.

2. Ofíciese ao Defensor del Pueblo para que envíe testemuño completo do expediente.

3. Ofíciese ao Concello de Santiago para que envíe testemuño dos antecedentes relativos ao denunciante que existen nos arquivos da Policía Local.



SOLICITO: Que teña por feitas as manifestacións anteriores, acordando de conformidade.

Mesmo lugar e data.



José Renato Núñez da Silva



0 comentarios:

Publicar un comentario