Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Nove xoves Galiza Nova son retidos e identificados pola Policia Nacional cando realizaban un acto simbólico en Compostela a prol da autodeterminación

Written By Virgulino on 11/12/04 | 11:58



O Movemento polos Dereitos Civís denuncia a actitude prepotente de integrantes da Policia, que non se quixeron identificar polo seu número de placa como é a súa obriga, e que requisaron carteis e material de Galiza Nova que levaron a comisaria para ser analizado




Este venres ás 12 da mañá Galiza Nova organizaba un acto simbólico a prol da autodeterminación que consistía en cambiar simbolicamente o nome da Avda Juan Carlos I polo de Avda da Autodeterminación, e que se concretaba na instalación dun papel pegado con celo sobre a placa que ía ser retirado despois da celebración deste acto, e que de feito foi gravado pola Televisión de Galicia.



Xusto despois de que marcharan os xornalistas e cando estes mozos e mozas comezaban a recoller chegaron tres coches da Policía Nacional e unha moto, realizando un tremendo despregue policial, reclamando aos mozos e mozas que alí quedaban que se identificasen, así como lles foi requisado material, carteis do dominio público e que forman parte dunha campaña que está a realizar esta organización xuvenil.



Cando os mozos e mozas de Galiza Nova preguntaron sobre cal era o problema, e lles preguntaban aos axentes que se podían saber cal era o seu número de placa, só recibiron negativas a responder e contestando que recibían ordes de superiores e que para saber de que eran acusados terían que achegarse até a comisaria. Tiveron retidos e inmobilizados a estes mozos e mozas durante máis de 40 minutos, sen razón aparente e con unha vontade claramente provocadora.



O Movemento polos Dereitos Civís quere poñer en coñecemento estes feitos que unha vez máis volven demostrar que Compostela non é unha cidade segura para aquelas persoas que pretendan realizar ou transmitir calquera tipo de inquedanza política e social, e que a policía volve demostrar que parece que non abandonamos tempos grises, onde se requisaban carteis e eran estudados pola policía científica, como parece que se continúa a facer na comisaria de Santiago.



O MpDC solicita do Delegado do Goberno e do Concello de Compostela que investiguen estes feitos e clarifiquen porque se dan este tipo de accións desmesuradas e carentes de sentido sobre aquelas persoas que amosan un mínimo de interese de transformación política e social.



Por: Zelia


0 comentarios:

Publicar un comentario