Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Campaña de sensibilización sobre a condena contra dous sindicalistas de Compostela

Written By Virgulino on 17/12/04 | 18:31

O MpDC denunciou en repetidas ocasións a persecución que o Alcalde do Concello de Santiago de Compostela ven promovendo contra os colectivos sociais desta vila. Nesta liña xa chamamos a atención de multas e sanción por colar carteis, a negativa da Policía local a Identificarse, a ilegal instalación da cámaras de video-vixilancia, a petición de cárcere para participantes en actos reivindicativos, etc.... Esta política promovida polo presidente do Concello tivo a súa última iniciativa na solicitude de condena de 1 ano e 2 meses de cárcere para 2 sindicalistas por realizaren unha pintada nun xardin que foi borrada con auga. Esta acto foi realizado no contexto da Folga da empresa CESPA. A actitude de Sanchez Bugallo é de tal grado desproporcionada que a CIG ven a convocar unha concentración, á que vos convidamos a participar, e editou o seguinte manifesto:



Por unha denuncia do Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, dous sindicalistas enfréntanse, cada un, a 1 ano e 2 meses de prisión e ao pago de máis de 3.000 euros de multa. A primeira dúbida que xorde é perguntarmonos que farían, xa que para solicitarse tal pena, moi grave debera ser o delicto cometido. Pois ben, o “delicto” dos nosos compañeiros foi o de pintar na herba, con pintura plástica, o lema “CESPA EN FOLGA”. Posteriormente para a limpeza houbo que empregar só auga. Tanto é así que nos atrevemos a afirmar que o alcalde de Compostela se excede na súa denunci,a que resulta máis propia dunha broma, pesada iso si.



Estes feitos prodúcense durante a folga que no ano 2002 os xardineiros e xardineiras de Compostela convocan na mellora das súas condicións laborais. O Concello, por orde expresa do seu alcalde, non se quixo inmiscuir aínda sendo o propietario dos xardíns e CESPA só unha concesionaria. Tras solicitarlle a mediación para sair dun conflicto que duraba xa demasiado o señor Bugallo négase publicamente afirmando que se trataba só dun problema entre empresa privada e traballadores. Máis isto só é o que di publicamente porque a súa actuación foi algo máis escura. Ordeou que a empresa de limpeza do concello adecentara polas noites os xardíns, negando así o direito á folga dos traballadores e traballadoras de CESPA, que consiste, entre outras cousas, no dereito legal a que se perciba a falla do seu traballo. E non só isto xa que dirixiu o acoso ás concentracións pacíficas que realizaban os traballadores mesmo cunha carga policial que rematou con tres persoas no hospital.



A desinformación e a manipulación foi outra das actuacións do cómico Bugallo neste conflicto transformando nas súas intervencións públicas aos traballadores en vándalos. Pois é neste clima, cando tras máis de 30 días sen salario e logo de que a xustiza declarara ilegais os servizos mínimos decretados pola empresa, cando os traballadores deciden pintar en varios parques de Compostela o lema “CESPA EN FOLGA” para que os veciños e veciñas coñeceran unha realidade que se algúns se empeñaban en ocultar.Finalmente o conflicto resolveuse, tras 37 días de folga, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e é agora, tras máis de dous anos cando nos atopamos que por unha denuncia municipal podemos remater con dous compañeiros en prisión por un máis que dubidoso delicto. A pregunta é: Se Bugallo consideraba que o concello non se debería meter, porque o fai cando o conflicto xa está resolto para denunciar a varios compañeiros da CIG? Lembremos que recentemente outro compañeiro foi condeado a 6 días de prisión e multa económica por denunciar a actitude antisindical do concello no mesmo conflicto.



Nós non pensamos que isto sexa froito dunha actuación illada que supoña unha novidade senón que tristemente é un paso máis desa represión calculada e intencionada sobre sectores descontentos e que lle resultan especialmente incómodos ao “sherif” Bugallo. Nos últimos anos vense impoñendo un modelo represivo que tende a xudicializar e criminalizar os conflictos sociais e laborais. Situacións que en calquer sociedade son asumidas con total normalidade, entendidas no marco do proprio conflicto, aquí están a xenerar o paso polos xulgados e a prisión de persoas involucradas no traballo sindical, de denuncia social, vecinal, xuvenil, etc. Forma parte da nova política de control social que se ven consolidando a nível mundial, coa vixianza e amedrentamento da povoación tentando coartar a denuncia social e a loita dos traballadores e traballadoras polos seus dereitos laborais. No noso país temos o caso dos tres sindicalistas de Lugo, os veciños do Eixo, movimentos socias como Nunca Máis ou a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa ... Toda esta política nega, na prática, a vía pacífiva para a resolución de conflictos e deriva á xustiza asuntos que se deveran resolver pola negociación entre as partes.



Neste camiño van encontrar de frente aos traballadores e traballadoras organizados na CIG que non imos renunciar a defender os nosos postos de traballo e o noso direito á libre expresión e animamos a toda a cidadanía de Compostela a participar nesta concentración e en posteriores accións de denuncia contra toda esta política represiva.





Por: Confederación Intersindical Galega


0 comentarios:

Publicar un comentario