Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Sobre a noticia publicada por La Razon o 31 de outubro, en portada, sobre a situación das prisións.

Written By Virgulino on 10/11/04 | 17:17

ANÁLISE DUNHA NOTICIA PUBLICADA O 31 DE OUTUBRO EN PORTADA E EN PÁXINAS INTERIORES DO PERIÓDICO LA RAZÓN SOBRE A SITUACIÓN DAS PRISIÓNS EN ESPAÑA.



Mario Cuellar/Globalízate



O domingo 31 de outubro foron publicados en La Razón e El País os datos dun informe elaborado sobre a situación do sistema carcerario español no referente á evolución da poboación penal. O informe foi elaborado polo sindicato de prisións ACAIP.



TITULARES



Seis de cada dez novos reclusos que ingresan en prisión son xa estranxeiros.



O xornal extrae directamente da páxina web do sindicato ACAIP os datos. Pero La Razón non recolle en ningún apartado da noticia a explicación que lle dá a propia ACAIP a este incremento:”A principal explicación do incremento de poboación reclusa estranxeira radica en que os detidos doutras nacionalidades, ao careceren na súa maioría de arraigamento familiar en España, case nunca obteñen a liberdade baixo fianza ata a realización do xuízo. Pola contra, aos españois resúltalles moito máis doado conseguila”.



SUBTITULARES



Grande incremento> A cifra de encarcerados foráneos aumentou un 110% dende 2000.



O xornal non di nada con respecto á poboación reclusa de nacionalidade española que pasou de 36.297 a 59.425 internos, o que supuxo un incremento do 17,91%.



Os centros penais albergan 59.425 delincuentes, dos que 16.626, un 27,97%, non son nacionais.



É dicir, que a porcentaxe de españois no cárcere é dun 72%. Ou dito doutro xeito, na actualidade de cada 100 presos, 72 son españois e 28 estranxeiros. Se utilizamos o criterio de La Razón, de cada dez presos, 7 son españois e tres estranxeiros.



Os marroquís, con 4.625 internos, son o colectivo máis numeroso, seguido do colombiano, con 1.985, e do alxeriano, con 1.182.



Os magrebís que están nos cárceres españois son 4.625 marroquís e 1.182 alxerianos, en total , 6.707. Estes, representan un 11.19% do total da poboación reclusa total. Ou, doutra forma, de cada 28 estranxeiros encarcerados, 11 son magrebís. Esquecen dicir, por certo, que o número de europeos nos cárceres españois é de 1.812.



O sindicato de prisións ACAIP denuncia a masificación nos cárceres: dende 1990 a ocupación subiu un 79,75 por cento.



A versión de Institucións Penais, que tampouco aparece, é que os cambios introducidos polo anterior Goberno no Código penal prologaron o tempo medio de estancia en prisión de cada nterno, en parte polo endurecemento das penas e en parte pola supresión da redención aos presos.



Por outro lado, nin a ACAIP nin La Razón ofrecen ningún dato sobre o descenso que se puidese producir por excarceracións, cumprimentos da condena, permisos, defuncións, paso a outros graos, liberdade condicional, indultos, etc. Polo tanto, non sabemos cal foi o incremento neto (resta entre ingresos e saídas do cárcere no período mencionado). Só se teñen en conta os ingresos.



PÁXINAS INTERIORES



TITULAR



Seis de cada dez reclusos son xa estranxeiros.



O titular é falso polo comentado anteriormente (72 españois e 28 estranxeiros por cada 100 reclusos), e no corpo da noticia vólvese dicir que “Seis de cada dez reclusos novos internados nas

prisións son estranxeiras” ou “actualmente, de cada dez presos que ingresan nos cárceres, seis xa son estranxeiros”.



Sorprende tamén que o redactor diga “un amplo informe elaborado recentemente polo sindicato ACAIP ao que tivo acceso La Razón”. Estes datos son públicos e están na citada web. ¿Ou pretenden facernos crer que poden acceder a fontes inaccesibles para os demais? El País publica practicamente os mesmos datos, citando a ACAIP.



A continuación, o redactor escribe “Os funcionarios sufriron case 850 agresións nos últimos catro anos”.



Mentres que na web de ACAIP se le ”847 funcionarios sufriron agresións de internos dende o ano 2000, das cales 52 foron moi graves”. Non é o mesmo 847 agresións a funcionarios, que que 847 funcionarios sufriran agresións.



EDITORIAL



O editorial alude a “frecuentes altercados nas prisións españolas, protagonizados por reclusos estranxeiros, especialmente islamitas”. O informe da ACAIP non sinala aos que provocan os altercados e fai un reconto das agresións graves producidas antes do 2000.



¿COMO CALCULA OS DATOS A ACAIP?



A poboación estranxeira nos cárceres pasa de 7.960 en 1990 a 16.626 en 2004 (datos do 1 de setembro), é dicir, aumenta en 8.726 persoas. Por outro lado, a poboación española nos cárceres pasa de 36.297 a 42.799 no mesmo período, aumenta en 6.502 persoas.



Sumando os incrementos de poboación reclusa, temos 15.228 novos reclusos e mediante unha regra de tres calculamos as porcentaxes en tantos por cento, resultando que o incremento de poboación estranxeira nos cárceres foi de 57.30% e do 42.69%. Ou dito doutro xeito, de cada 100 reclusos que ingresaron en prisión no período 1999-2004, aproximadamente 57 eran

estranxeiros e 43 foron españois. A ACAIP redondea os datos en porcentaxe de 10% (5.7% pasa a ser 6 e 4.3% a 4) e La Razón ofréceos dese xeito.



O incremento de persoas recluídas no período 1990-2004 obtense dos datos que se ofrecen nas táboas, en 1990 había 33.058 reclusos, en 2004 (o 1 de outubro) 59.425. Obtemos o incremento do 79.75% (en 14 anos). Aínda que non sabemos se é neto, como citabamos antes, é dicir, a

resta entre ingresos e saídas do cárcere.



CONCLUÍNDO



No nesgado que ofrece a noticia por parte de La Razón parece clara a intención de enfocar o problema cara ao incremento da poboación reclusa estranxeira como responsable dos problemas que acontecen nos cárceres e, especialmente, cara aos presos magrebís.



Tampouco ten intención de buscar o motivo dese incremento e tampouco se di se nese incremento se produciu incluíndo as excarceracións.

0 comentarios:

Publicar un comentario