Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Primeira xornada de “Vida privada e Poderes públicos: A lei integral a exame”.

Written By Virgulino on 28/10/04 | 13:29





Esta primeira conferencia desenvolveuse na Galería Sargadelos o mércores 27 de outubro ás 19.30; foi presentada polo membro do Movemento polos Dereitos Civís, Roi Ribeira, participaron Ana López Suevos, maxistrada, Celia Balboa, avogada e o psicólogo Ramón Arce..



Ana López Suevos



Comezou esta táboa redonda a maxistrada Ana López Suevos que en primeiro lugar tratou da “incerta denominación desta lei como integral”, xa que aborda a violencia contra a muller no ámbito doméstica. Outro dos puntos que aborda é a cuestión da discriminación positiva que existe nesta lei, e que segundo o seu punto de vista “a discriminación positiva no ámbito penal é anticonstitucional”.



Para poder exemplificar os cambios que se dan nesta nova lei sinala que “un hombre que ameaza levemente a súa muller ten 6 meses de prisión e queda sen a patria potestade dos seus fillos durante cinco días”. Esta situación agrávase polos novos “xuízos rápidos”, polos que en 15 días este home sería xulgado sen ter a máis mínima capacidade de defensa.



Outra das cuestións nas que innova esta lei é na utilización de dispositivos telemáticos para os agresores. Segundo López Suevos, estes dispositivos, que está comprobado que conlevan efectos desestructurantes (tes que levalo todo o día, podes recibir chamadas da policía, é algo que non te permite facer unha vida normalizada), estaría ben utilizalos sempre que foran unha alternativa a entrar en prisión, pero a lei integral o que sinala é que serán utilizados durante os 5 anos posteriores á saída da cadea do agresor.



Unha das cuestións que máis chama a atención de toda esta lei e as súas mudanzas, segundo a maxistrada, é que non exista un debate sobre si esto é tolerábel ou non.



Nesta lei aparece unha maior protección para a muller que para o menor maltratado, sinala López Suevos, cuestión que tampouco se entende moito.



Un dos puntos de maior incidencia orzamentaria e novedoso é a creación dos Xulgados de Violencia sobre a Muller. Sobre esta cuestión, López Suevos sinala que é falso a causa pola que se crean estes xulgados, xa que se di que é pola súa complexidade xurídica, cousa que falta á verdade xa que pode ser que teñan estas cuestións unha forte carga psico-afectiva ou problemático no ámbito social, pero xuridicamente non está xustificado. Ademais este xulgados levarán desde divorcios ate maos tratos, pasando polas adopcións. Ana López Suevos afirmou que este tipo de tribunais especiais lembran ao Antigo Réxime.



Da asistencia social exclúese ao home maltratador, para o que so existen solucións penais.



Remata sinalando que é perigoso vender esta lei como unha panacea, xa que non se precisan tantas leis penais senón financiamento e apoio real ás mulleres.



Celia Balboa



En primeiro lugar, a avogada Celia Balboa, indica que preocupa que se pense que unha lei o vai solucionar todo. Pensase, continúa, que desde o movemento feminista todas pensamos igual, e isto se debe porque esta lei é unha lei do PSOE, apoiada polas mulleres desa mesma organización.



A violencia que se exerce contra as mulleres forma parte de unha violencia social estructural, segundo Balboa, á que este lei non fai referencia.



Afirma que a violencia que se exerce contra as mulleres non é única nin perde importancia por falar doutras violencias, nunha lei que englobara esta problemática.



Nesta lei, engade, só se fala do ámbito doméstico, pero os lexisladores se esquecen do acoso sexual, as mutilacións xenitais, as violacións ou agresións sexuais, e a situación que sofren aquelas mulleres migrantes que non poden legalizar a súa situación.



Outra cuestión, segundo Balboa, é que esta lei só lexisla sobre as relacións heterosexuais do home sobre a muller, e é unha lei penal, unha lei na que ate os propios grupos progresistas piden a intervención punitiva do Estado. Balboa afirma que se ten demostrado que o dereito penal é represivo, inxusto e ineficaz.



Balboa indica que esta lei transmite unha seguridade ilusoria ás víctimas. O Código Penal xa foi reformado en varias ocasións, polo que xa contariamos con penas para esta conducta.



Balboa engade que a maioría das sentencia da violencia doméstica son condenatorias, pero isto non sirve para que haxa menos mulleres mortas.



Balboa cuestiónase se non é moito máis cómodo para o sistema dar por solucionado o problema da violencia de xénero deste xeito. Di que hai que tentar novos camiños, reducir a xudicialización dos problemas interpersoais, dotar a estas mulleres afectadas de medidas económicas rápidas e directas que non subsidien á muller, ter unha educación non sexista, fornecer dun tratamento rehabilitador aos agresores, que existan servizos de mediación, e sobre todo, potenciar a investigación para coñecer porque existe a violencia de xénero.



Sería importante, segundo Balboa, polo tanto, que existan medidas de discriminación positiva para reforzar a autonomía destas mulleres.



Esta lei, engade, focaliza un problema concreto que xera unha dicotomía: muller/víctima e home/agresor.



Por último, sinala que esta lei absolve á sociedade, non escoita ás víctimas e non fomenta a rebeldía, é dicir, a submisión moral dunha sociedade que tenta atallar un problema a través dunha lei penal. Para Balboa é fundamental para fundamental para mudar esta situación que haxa un cuestionamento real desta sociedade, e que os homes participen en todo este proceso.



Ramón Arce



Ramón Arce explica que o seu traballo consiste en ofrecer informes técnicos nos xulgados sobre a incidencia psicolóxica que ten a violencia sobre as mulleres. Pola súa experiencia sinala que esta lei establece “unha diferencia entre empuxóns”.



Arce sinala que algo do que esta lei se esquece é de que a víctima, a nivel psicolóxico, as veces tamén é o maltratador.



Outra das cuestións das que trata este psicólogo é da aprendizaxe que o propio agresor ten da súa conducta, así como “a víctima tamén aprende a ser víctima”; e na lei nada se fala de como desaprender estes procesos.



Arce considera que na elaboración desta lei se ve claramente que non interesa a prevención senón solventar a problema, dun xeito penal e mediático.



Para finalizar, Arce concreta que cando máis casos de violencia hai é cando hai separación, e por iso é importante a mediación social, e ensinar a separarse ás persoas cando hai ruptura de parellas para que non se transforme nun caso de violencia.





Por: Zelia


0 comentarios:

Publicar un comentario