Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Santiago non informa ao “Defensor del Pueblo”

Written By Virgulino on 7/9/04 | 11:11

Esta Institución viuse na obriga de solicitar por cuarta vez, información sobre a actuación da Policía Local xa que o Concello non lle responde.



O pasado día 7 de Novembro do 2003 o Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) presentou unha queixa a Enrique Múgica por mor de dúas denuncias formuladas perante o Concello e ás que este non respondeu. Estas denuncias pedían que se investigara a actuación de determinados membros da Policía Local que se excedían nas súas funcións.



A queixa foi aceptada a trámite o día 16 de decembro e o día 11 de marzo, fronte a falta de consistencia da resposta do Concello de Compostela, o “Defensor del Pueblo” informábanos que “á vista dos terminos do mesmo, con esta mesma data, volveuse a solicitar un novo informe”.



Posteriormente o MpDC volveu a solicitar máis información ao Concello por outras denuncias sen que este facilitara ningunha contestación. Ao mesmo tempo o “Defensor del Pueblo” volveu a requirir datos ao Concello de Santiago o pasado 26 de Maio e 24 de Agosto.



As peticións realizadas polo MpDC foron formuladas no exercicio do Dereito de Petición, un dereito fundamental recollido na Constitución e regulado por unha lei orgánica que obriga a súa resposta.



Que pode levar a que o Concello de Compostela non investigue a unha denuncias contra a súa propia policía, que non responde a unha petición recoñecida pola Constitución do Estado Español e non informe ao “Defensor del Pueblo”?



Queremos lembrar que se presume que o Estado Español é un Estado de Dereito, motivo polo que os poderes públicos están, en teoría, sometidos ao imperio da lei. Pero, quen obriga ao Concello de Compostela a cumprir a Lei?



En todo caso o MpDC requiriu ao “Defensor del Pueblo” que declare ao Concello de Santiago “hostil e entorpecedor das súas funcións”. Tamén pedimos que puxeran os feitos en coñecemento do Ministerio Fiscal, pois pode que o Concello faltara á verdade na súa única contestación a Enrique Múgica.
Por: Renato

0 comentarios:

Publicar un comentario