Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento subscribe as denuncias de censura na televisión pública

Written By Virgulino on 6/5/04 | 10:17

O Movemento polos Dereitos Civís aplaude a recente iniciativa do Partido Popular, que xa admite que existe censura nos medios públicos e que esta existencia é criticable.



Nun comunicado, o PP denunciou a falta de pluralidade dos telexornais de Televisión Española, que xa non inclúe nos seus titulares cada rolda de prensa de cada Ministro, delegado ou portavoz do PP gabando a boa xestión do Goberno. Critican, que as valoracións e as opinións dos seus políticos xa non teñen cabida nun informativo dunha cadea de televisión pública, é dicir, pagada por todos e que debe estar tamén ao servicio de todos, que debe venerar a obxectividade e a independencia informativa.



O Movemento gaba a rápida reacción deste partido, agora relegado á oposición, que cambiou a súa postura a respecto do control dos medios de comunicación dende aquel 14 de marzo. Non sabemos se seguen a crer que as palabras que saían de Urdaci eran obxectivas, realistas, e respondían a feitos contrastados e que non contiñan valoración ningunha. O que si sabemso é que a pesar de que urdaci foi condenado por manipulación o Partido Popular seguiuno mantendo no seu posto.



O caso é que agora que as tornas mudaron, e os altos cargos do ente público son próximos a Partido Socialistas, xa non lles chega esa maneira de facer as cousas que eles mesmos denominaron obxectiva e plural durante dúas lexislaturas.



Neste estado no que a democracia se basea en que dous partidos vaian cambiando os roles de cando en vez, está claro que os medios públicos silenciarán un ou outro en función de quen sexa o que lles dea de comer. A cuestión non está en esixir pluralidade e independencia a unha televisión que, por moi pública que sexa, é unha empresa e ten uns donos. A cuestión está en lle esixir maior honestidade, ética e coherencia á hora de escoller e de tratar as informacións, de buscar as fontes, as perspectivas, as olladas.... ata o punto de que sexa posible representar as diferencias, as valoracións e os enfoques da xente que vive neste estado. Por este motivo faise necesario o desarrollo dun mecanismo de control independente que vixie os contidos das Televisións Públicas.

0 comentarios:

Publicar un comentario