Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

I ENCONTRO EN DEFENSA DOS DEREITOS E LIBERDADES PÚBLICAS

Written By Virgulino on 27/4/04 | 11:37

Os participantes denunciamos prácticas e lexislacións restrictivas



O MpDC xunto cá Asociación para a Integración e o Desenvolvemento dos Africanos, a Asociación Libre de Avogados, o Observatorio Vasco de Dereitos Humanos Behatokia, Burla Negra, a Asociación de Defensa dos Presos "Concepción Arenal", Statewatch e a Asociación Xustiza e Sociedade participou no I Encontro en defensa dos dereitos e liberdades públicas organizado por Esculca e que tivo lugar os pasados días 20, 21 e 22 de Abril en Vigo.



Nesta xuntanza aprobouse unha declaración final na que denunciamos a proliferación de lexislacións e de sistemas de vixiancia e control social que restrinxen as liberdades individuais. Denunciamos tamén a "crecente exclusión da titularidade dos dereitos sociais e demais liberdades fundamentais das persoas inmigrantes".



Este é o texto completo da declaración final:



"Occidente, e en particular Europa, eríxese en paladín dos dereitos e liberdades do mundo enteiro ao tempo que estes dereitos se van erosionando na propia Europa.



1) Baixo a acusación xenérica de terrorismo ou invocando a retórica de seguranza, prívase das garantías básicas ás persoas detidas. Ademais apréciase unha deterioración progresiva das condicións en que se encontran as persoas presas, particularmente as que pertencen a determinados colectivos.



2) Restrínxense espazos de liberdade e criminalízanse movementos sociais, políticos, culturais e medios de comunicación, conculcándose os dereitos de libre expresión, opinión e manifestación.



3) Redáctanse lexislacións e deséñanse tribunais excepcionais que anulan as garantias procesuais e o dereito a un proceso xusto.



4) Por medio desta dinámica de control social, vulnéranse dereitos da privacidade: vídeo-vixilancia, controis de comunicacións electrónicas, proliferación e utilización abusiva de bases de datos.



5) Endurecemento progresivo, de consecuencias deshumanas, das leis de estranxeiría, coa crecente exclusión da titularidade dos dereitos sociais e demais liberdades fundamentais das persoas inmigrantes.



6) Vulneración do dereito a unha información veraz coa complicidade dos medios de comunicación.



7) Grave inoperancia dos mecanismos da salvagarda dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas."

0 comentarios:

Publicar un comentario