Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Rematemos có silencio na Estrada

Written By Virgulino on 29/3/04 | 13:08

Varios veciños e organización reclaman a recuperación da memoria histórica da Estrada



25 anos despois do fin oficial da dictadura, A Estrada segue baixo a lei do silencio e os estradenses teñen vetado o coñecemento do seu pasado. O primeiro escudo da Estrada reflectía a lembranza a Fernando Lorenzo, Eduardo Otero e Gonzalo Aren, fusilados no noso Concello no 1836. Un anxo choraba por eles en lembranza de que o seu espírito e o seu recordo segue vivo e sobre a dor pola súa perda se constrúe o proxecto de convivencia en común dun pobo que acaba de nacer. A eles estaba dedicado un monumento hoxe xa desaparecido a igual que o escudo. Cen anos despois, o mellor da nosa sociedade civil, desde o alcalde ao dirixente da sociedade agraria, pasando polo xornalista, o mestre e o escritor. Foron detidos ilegalmente e moitos deles asasinados cruelmente.



Hoxe ningunha persoa de ben pode considerar que iso estivo ben feito. Hoxe non podemos esquecer que eles foron fusilados por defender a liberdade de asociación, de prensa, de expresión, o sufraxio universal, ... en definitiva, os dereitos humanos. Por iso os Concellos e institucións, independentemente da cor do partido que os goberna, empeza a facer xustiza e a saldar a conta con eles. Non en tanto, na Estrada as iniciativas que se tiveron para rescatar a memoria houbo que facelas por fora das institucións, case clandestinamente. E unha vez que se lle pediu permiso ao Concello para colocar un monumento na lembranza dos mártires estradenses, esta solicitude foi denegada co argumento de que non convén remexer nesas cousas que poden ferir a sensibilidade, e tamén que aceptar iso obrigaría a deixar colocar monumentos aos fascistas por "non infrinxir o dereito de igualdade". Segundo isto non poderiamos honrar as víctimas dos maos tratos porque teriamos que honrar tamén aos maltratadores; non poderiamos homenaxear as víctimas do terrorismo porque teriamos que darlle igual recoñecemento aos terroristas.



Cando unha comisión de escritores da Estrada e encargada para facer unha proposta de normalización do rueiro, esta proposta e traspapelada primeiro e conculcada despois porque nela figura a referencia a rúa "Mártires da Estrada" e nela suxírese a restitución dos nomes orixinarios ou de defensa de valores positivos, naquelas que hoxe conservan referentes de apoloxía da violencia política e do xenocidio ideolóxico.

A Estrada segue amordazada mentres no resto do pais esto tenta atallarse. No "Congreso sobre a represión no franquismo" en Narón indicase entre as súas conclusión:



• Dirixirse a FEGAMP e as Deputacións para que estimulen no conxunto dos concellos galegos a recuperación da memoria histórica democrática para saldar a débeda coas víctimas do franquismo e con todos os homes e mulleres que mantiveron en condicións extremadamente adversas a bandeira da liberdade e da democracia.

• Incluír nesta petición a incorporación nos rueiros, prazas, parques e monumentos, dos nomes das devanditas persoas e simultaneamente, proceder a retirada da simboloxía franquista.

• Instar ao Goberno da Xunta de Galicia e ao conxunto dos poderes públicos para dispor de fondos económicos que permitan o financiamento dos traballos de investigación e recuperación da nosa historia, do noso patrimonio artísticos e literario silenciado, e transmitilo as novas xeracións e tamén para o correcto enterramento das víctimas que hoxe en día están enterradas nas fosas comúns.



Varios veciños da Estrada asumiron con propias esas recomendacións e demándanlle ao Concello que xa non pode facer oídos xordos. Nas vésperas de ser asasinados os Concelleiros da Estrada asinaban unha carta desde o cárcere de Pontevedra, o 13 de marzo de 1937 onde reclamaban: "que na próxima reunión despois de tomar posesión no Concello, conste esta carta mal fiada no libro de actas. Que unha das rúas mais céntricas da florecente vila levara esta inscrición: 'Mártires da Estrada'. E que obraredes como volo pedimos no nome da república e da democracia, e do ideal que nos leva a tumba".



Estes veciños emitiron un manifesto no que din, entre moito do xa descrito, o seguinte:



“O pobo da Estrada non pode silenciar por mais tempo a súa lembranza e esixe do Concello que restitúa a memoria histórica do alcalde e a corporación democrática de 1936, e de todos os veciños que foron asasinados pola súa ideoloxía, cumprindo a vontade expresada na carta dos estradenses fusilados o 5 de xuño de 1937. Non podemos admitir por mais tempo que se siga rendendo tributo a persoas caracterizadas pola defensa do crime como medio de conseguir os obxectivos políticos e se exclúa do noso rueiro o nome daqueles asasinados por defender o dialogo e o dereito a discrepancia. Nin sequera estamos dispostos a por a mesmo nivel aos asasinos e as víctimas e por iso reclamamos que remate a discriminación e a censura, que se acabe o silenciamento e a ocultación, que saia o sol para todos e non para os mesmos de sempre.”

0 comentarios:

Publicar un comentario