Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O BNG critica que a Constitución non se reformase en 25 anos

Written By Virgulino on 7/12/03 | 22:42

El Ideal Gallego | Galicia



Rodríguez denuncia a interpretación partidista da Carta Magna



Axencias / Santiago



Galiza Nova realizou un acto reivindicatorio de autogoberno no Obradoiro

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, dirixiuse ao Goberno, a través dunha iniciativa parlamentaria, para facer unha avaliación crítica da Constitución e preguntar ao Executivo “se considera normal que un texto constitucional non se reformase en 25 anos de vixencia”.



“Non estamos en tempos de actos protocolarios, senón en tempos de análise, de necesario diálogo entre as distintas opcións políticas, sen sacralizar un texto que está obsoleto nalgúns temas e noutros non cumpre, por ausencia dunha verdadeira política social e económica avanzada. Un texto que se reduce a unha especie de Biblia dunha concepción de España excluínte e pouco plural”, sustenta o deputado.



Rodríguez subliña, na iniciativa parlamentaria difundida onte nun comunicado, que “se trata tamén de utilizar un texto constitucional como ameaza contra os discrepantes, xa a través dunha interpretación partidista, restrictiva e interesada do mesmo, xa facendo valer só as súas partes máis contundentes en relación coa unidade de España, como un arma de ataque contra a suposta desintegración de España, fantasma co que se intenta axitar á opinión pública”.



O parlamentario explica que o “problema non está na desintegración de España, senón en se hai vontade ou non de camiñar por unha senda de profundización da democracia e unha estructuración do Estado conforme ao seu carácter plurinacional”.





Galiza Nova





Por outro lado, a organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, aproveitou a celebración do Día da Constitución, para reclamar o dereito á autodeterminación e soberanía de Galicia nun acto na praza do Obradoiro no que se reuniron cerca de medio cento de persoas.



O acto contou co apoio de representantes do Bloque e do sindicato nacionalista CIG.



Así mesmo, o Movimento polos Direitos Civís (MPDC) critica a utilización “partidista” da Constitución española e denuncia a “vulneración” de dereitos fundamentais por parte de institucións como a Delegación do Goberno, os executivos galego e central ou a Policía Nacional.

0 comentarios:

Publicar un comentario