O movimento polos direitos civis celebra a reforma da Ordenanza de Medio Ambiente de Compostela pero advirte que exixirá avances reais.
O movimento polos direitos civis é unha iniciativa integrada pola CIG-Mocidade, os CAE e os CAF, que desexa chamar a atención sobre o proceso de perda de direitos, en especial o monopólio da liberdade de expresión e a criminalización e persecución das organización sociais, asicomo dar a coñecer as perdas e violación de direitos de todo tipo que se veñen producindo recentemente, e incitar a denunciar estes factos para combater a impunidade.
Como é tristemente coñecido, na cidade de Compostela as organizacións sociais sofren multas e todo tipo de sancións pola simples razón de tentar espallar as suas mensaxes por meio da colada de cartazes e auto-colantes, realización de murais, reparto de panfletos, etc... Esta situación viola o direito á liberdade de expresión e penaliza inxustamente a movimentos que vertebran a sociedade galega e que contan con poucos recursos económicos. O anúncio de reforma da Ordenanza do Medio Ambiente, feito público nos últimos dias polo Concello de Santiago e reclamado polo Movimento desde hai tempo, é neste sentido esperanzador e positivo; mais cómpre advertir que esta mudanza só terá sentido se de verdade entende a liberdade de expresión como un direito pleno, e non como unha concesión das institucións coa cal se pode negociar, á cal se lle poden poñer graos diversos. A reforma da Ordenanza deberá garantir o pluralismo na comunicación social, de xeito que organizacións e movimentos teñan canles de comunicar-se coa cidadania, e debe comezar pola fin inmediata das multas e das sancións.
A apertura de espazos libres para a colocación de cartazes é unha medida positiva, pero que polo momento é ainda moi limitada: 30 paneis de reducidas dimensións son insuficientes para unha cidade co dinamismo social da que goza Compostela, e polo momento só están instalados dous. Agardamos do Concello de Compostela unha reforma proporcionada ás necesidades da cidade,. Do mesmo xeito, esperamos que se poñan en práctica no menor prazo de tempo posíbel as restantes medidas anunciadas, empregar vallas das obras de acordo coas promotoras e habilitar espazos para murais.
Unha das razóns que explica que este problema perdura-se é a confusión –e a utilización interesada en moitos casos- entre a preservación do património e a liberdade de expresión, o que explica que esta matéria fose regulada por unha ordenanza de meio ambiente. Reiteramos a nosa convicción de que as organizacións e movimentos sociais que actuan en Compostela son os primeiros interesados en preservar a memória e a limpeza da cidade, algo que en ningun caso colisiona co direito a unha comunicación social rica e plural.
Ordenanza de Medio Ambiente e Paneles para cartaces
Written By Virgulino on 27/5/02 | 11:08
Etiquetas:
Concello de Santiago de Compostela,
Dereito á Liberdade de Expresión
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario